Alumnos de sexto de primaria aprenden a circular polas rúas en FEXDEGA

Data da nova: 26/01/2009

O pavillón feiral de Fexdega acolle a quinta edición do Parque Infantil de Tráfico do Concello, unha iniciativa que desenvolve a Policía Local e a través da que se pretende que os nenos do municipio aprendan educación viaria dun xeito práctico e eficaz.

A concelleira de Educación, Susana Camiño, en compaña do axente Carlos Oubiña e do xerente de Fexdega, Juan Luis Callón, presentaron o Parque Infantil de Tráfico polo que, dende hoxe e ata o 19 de febreiro, pasarán Polo Parque Infantil de Tráfico un total de 363 alumnos de sexto curso de Primaria dos colexios da Escardia, Piñeiriño, Arealonga, San Francisco, A Lomba, Filipenses, Rosalía de Castro, Piñeiriño, Vilaxoán e Rubiáns. Tamén participarán nas actividades os alumnos do Centro de Educación Especial.

As sesións levaranse a cabo polas mañás, entre as dez e a unha da trade, e consistirán nunha explicación teórica que se realiza na sala de conferencias, e nunha clase práctica na que os alumnos terán que poñer en práctica o aprendido circulando en bicicleta, karts e como peóns polo circuíto deseñado e que simula un entramado urbano de rúas con beirarrúas, pasos de peóns, semáforos, glorietas, interseccións con "ceda o paso" e demais.

No exercicio práctico cada alumno fai unha sesión de trinta minutos (dez como peón, dez co mo ciclista e dez conducindo o kart), mentres que a clase teórica baséase na explicación por parte dos axentes da Policía das diapositivas do Instituto Mapfre de Educación Viaria. Este material de apoio serve, por exemplo, para que os alumnos aprendan máis facilmente a diferenciar as partes das vías, distinguir a zona pola que deben circular cando van en bici, a actuar correctamente nun cruce sabendo quen ten prioridade de paso, a utilizar correctamente as rotondas ou a tomar as debidas precaucións cando se fan manobras, ou a actuar debidamente ante un paso de peóns, ben como conductor, ben como peón. Outros dos aspectos que se abordan son as sinais de tráfico máis habituais e que se precisan coñecer para conducir e transitar correctamente polas rúas.

A sesión remata cunha rolda na que os alumnos comentan cos axentes o exercicio e plantean as dúbidas que lle poidan ter quedado.

O Parque Infantil de Tráfico é unha iniciativa que se leva a cabo dende hai anos de xeito complementario ás sesións de Educación Viaria que a Policía desenvolve cada curso nos centros educativos da cidade.

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca