FEXDEGA acollerá o XLV Concurso-Exposición Internacional da Camelia

Data da nova: 19/02/2009

Despois de tres anos, a organización do Concurso-Exposición Internacional da Camelia regresa a Vilagarcía. O evento, que este ano chega a súa corenta e cinco edición,  levarase a cabo a fin de semana do 28 de febreiro e o 1 de marzo no pavillón feiral de Fexdega, onde se poderán ver camelias e híbridos de tódalas variedades.

O certame inclúe o concurso de ornamentación de escaparates e a exposición Camelias de libro con traballos do artista Xurxo Alonso.

O Concello de Vilagarcía túrnase a organización do certame da Camelia coa Deputación

Provincial e o Concello de Vigo, razón pola cal a exposición itinera entre a capital arousá,

Pontevedra e a cidade olívica. Unha das principais novidades desta edición é o emprazamento no pavillón de Fexdega, xa que hai tres anos o certame desenvolvérase no Auditorio. A razón,

segundo explicou o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, é que as instalacións da Maroma

resultan moi cómodas para os expositores á hora de aparcar e de acceder ao recinto, así como

para os numerosos visitantes que se achegarán a mostra durante a fin de semana procedentes de diversos puntos de Galicia.

A esto hai que engadir que dada a coincidencia coa xornada electoral do 1 de Marzo, o Auditorio vía limitadas as súas posibilidades ao estar habilitado como colexio electoral, un aspecto que en Fexdega, pese a que tamén é centro de voto, non suporá problema

algún dada a amplitude do recinto.

A segunda das novidades é que este ano suprímense do programa os concursos de fotografía e

de artigos periodísticos. A causa é, segundo o propio concelleiro, a escasa participación que se

viña rexistrando dende hai anos, razón pola cal algúns dos premios xa quedaran desertos en

varias ocasións. No que respecta ao concurso de decoración de escaparates, a contía do premio

elévase para incentivar a participación.

 

Camelia de Ouro

 

O concurso floral conta cos premios de costume. Os dous grandes son a Camelia de Ouro (ao

expositor que presente o conxunto de variedades máis destacado en número e calidade) e o

Premio Especial Antonio Odriozola (á flor individual máis destacada).

Tamén haberá tres premios aos mellores lotes nas variedades de camelia reticulata e de híbridos, e outros tres para aos mellores lotes en cada unha das modalidades de xapónica branca, xapónica rosada ou doutras cores, xapónica vermella, xapónica xaspeada ou variegada e na de outras especies.

Ademais concederanse primeiro e segundo premio á mellor presentación artística e o Premio Especial da Sociedade Española da Camelia ao concursante máis destacado entre os que concursen por vez primeira no certame.

 

Prazo de inscrición

 

As inscricións no concurso floral e no de escaparates pódese realizar a partir do xoves, 19 de

febreiro, no Rexistro do Concello e ata as 13:30 horas do mércores, 25 de febreiro. A folla de

inscrición pode recollerse no Auditorio ou imprimirse a través do taboleiro da web do Concello. Tamén aquí se poden consultar as bases de ámbolos dous concursos.

O XLV Concurso-Exposición da Camelia inaugurarase o sábado, 28 de febreiro, ás seis e media

da tarde. Nesta primeira xornada, os visitantes poderán admirar as composicións florais a

concurso ata as nove e media da noite. O segundo e último día da mostra, o horario de visitas será de dez da mañá ás nove da noite. A entrega dos premios do concurso floral e do de

escaparatismo levarase a cabo ás doce do mediodía do domingo 1 de marzo, acto tras o cal

haberá unha actuación musical a cargo de alumnos e profesores do Conservatorio de Música de

Vilagarcía.

Co mesmo horario que o da exposición, as persoas que acudan ao pavillón feiral de Fexdega

poderán admirar a exposición das obras que artista Xurxo Alonso elaborou con motivo deste

certame. Trátase da mostra titulada Camelias de libro composta de 30 pezas que se divide en

dúas partes diferenciadas. A primeira recolle camelias en tela pintada sobre fondos de madeira e a segunda acuarelas. Sete das pinturas serán reproducidas en láminas que se recollerán na carpeta conmemorativa da 45 edición da Camelia. Segundo explicou o autor, o título da mostra vén pola reiterada presenza que a flor da camelia ten na literatura universal, aparecendo en obras de autores como León Tolstoi ou Alejandro Dumas, por citar algún.

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca