O novo marco permitirá o desenvolvemento de proxectos e accións encamiñadas a potenciar os sectores económicos clave da zona. Ademais, este convenio permitirá que a Escola de Negocios de Caixanova colabore no desenvolvemento de programas de formación empresarial.

Fexdega e Caixanova renovan a súa colaboración en materia de formación, investigación e asesoramento

Data da nova: 27/07/09

O director xerente da Fundación Feiras e Exposicións para o Desenvolvemento de Galicia (Fexdega), Juan Luis Callón Cameán,  e o director de Relacións Institucionais de Caixanova en Pontevedra, Antonio Gómez Rivera, renovaron esta mañán o convenio que reafirmará a colaboración en materia financeira e de asesoramento entre as dúas entidades. O documento, que terá vixencia durante un ano, prorroga a histórica colaboración entre a entidade financiera e a institución vilagarciana, e reforza a vondade recíproca de profundizar en todos aqueles temas que sexan de interese mutuo nun futuro.

Grazas ao acordo acadado, ambalas dúas entidades estreitarán lazos en materia de desenvolvemento de programas específicos de formación, difusión e investigación co obxectivo de potenciar os sectores económicos clave. A actuación conxunta focalizarase en empresas centradas en ámbetos agropecuarios e agroindustriais, de grande peso estratéxico na zona.

Peza clave deste acordo será a Escola de Negocios de Caixanova, que  colaborará no desenvolvemento de programas de formación que podan servir de orientación para o texido empresarial da zona. A colaboración da Escola dotará á institución feiral de Vilagarcía de todo tipo de ferramentas que contribúan a mellorar a situación dos sectores productivos da zona. A caixa tamén prestará asesoramento a Fexdega en aqueles proxectos e prantexamentos que as empresas realicen a través da entidade.

O protocolo asinado supón unha nova mostra do estreito traballo entre as entidades representantes de empresas e a Obra Social de Caixanova. Este acordo permitirá un impulso ás compañías da comarca, así coma un asesoramento especializado en novos proxectos.


Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca