FEXDEGA abre mañá a 40 edición da súa Feira Multisectorial, un salón que, segundo as estatísticas extraídas doutras feiras, deixará na comarca un volume de negocio de máis de 400.000 euros. Esta cifra repercute positivamente en moitos dos sectores productivos da comarca, si ben os mais beneficiados son os empresarios da hostalería, polo que a Asociación de Hostaleiros e Iniciativas Turísticas de Vilagarcía (AHITUVI) se mostra disposta a colaborar no impulso das feiras na comarca e está representada no salón con un stand dende o que tratará de captar novos socios.
Segundo os datos extraidos da Feira Multisectorial de 2008, o 48% dos expositores eran foráneos e pernoctaron na cidade, o 90% deles (foráneos ou non foráneos) foron a comer ou a cear a algún restaurante e un 66% dos foráneos realizaron algunha merca na cidade.
De entre os visitantes da mesma exposición de 2008, un 40% acudiron a comer ou cear a algún restaurante do entorno e un 48% realizou mercas na cidade.
Si temos en conta a exposición Expoferta-Zonaberta 2009, eran foráneos e pernoctaron un 3% dos expositores, o 68% acudiu a comer ou cear a algún restaurante, e un 42% realizou algunha merca na cidade. Tamén os visitantes desta feira deixaron o seu beneficio aos arousáns, xa que un 78% afirman ter realizado mercas na cidade e un 50% din que foron a comer ou cear.
A cifra do gasto que fan os expositores e visitantes dunha feira na cidade púidose extraer grazas á análise realizada con motivo da última celebración de Vintech. Neste salón participaron 43 expositores de fóra da comarca. Tendo en conta que cada empresa participante afirmou traer a 4 persoas por stand, que a celebración durou 4 días e que o gasto diario por visitantes en euros na provincia de Pontevedra, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (maio de 2007) era de 125,93, o total do gasto dos expositores na cidade foi de 86.639 €.
Respecto aos visitantes, no citado evento estimáronse uns 6.000, o que tendo en conta o gasto en hostalería, comercio e demais suma un total de 275.841 €.
Extrapolando estes datos a FEXDEGA 2009, na que se estiman unha trintena de expositores de fóra da comarca e un número bastante superior de visitantes, xa que se trata dunha feira xeral, non de contido profesional, o volume de negocio para hostalería e comercio estímase nuns 400.000 euros.
Esta cifra é moi superior, por exemplo, en Capital do Moble 2007, onde o número de expositores de fóra da provincia era de 56, o número de persoas por stand, de 5, os días de celebración do evento, de 9, e o gasto diario por persoa, de 116 €. Así, os expositores deixaron no Salnés 292.824 €, e os visitantes, que sumaron 20.000, en total, 440.720 €.
Para chegar a estas conclusión, FEXDEGA fai algo mais de 100 enquisas por feira, aínda que en Expoferta-Zonaberta superáronse as 1.000.