O combinado galego enfrentarase na Vilagarcía Basket Cup, os vindeiros 19, 20 e 21 de marzo, ao Zalguiris, o Mega Aqua Monta e ao Khimky Moscow respectivamente.

Data da nova: 05/03/08

 Federación Galega de Baloncesto presenta aos xogadores da Selección "Galicia Xove"

- O combinado galego enfrontarase na Vilagarcía Basket Cup, os vindeiros 19, 20 e 21 de marzo, ao Zalguiris, Mega Aqua Monta e ao Khimky Moscow respectivamente.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2008.- A Federación Galega de Baloncesto presentou esta mañá en Santiago a lista definitiva dos xogadores que integrarán a Selección "Galicia Xove", combinado sub 20 que participará na Vilagarcía Basket Cup. A lista definitiva de xogadores galegos que integrarán esta selección reúne xuventude, ilusión e gañas de amosar o bo nivel do Baloncesto Galego.

Os xogadores que integrarán a Selección son:
Alberto Seco Leira (C. B Galicia), Enrique Fernández Martínez (A.B.O), Manuel Fernández González (Basquet Base Club ), Fernando Vidal Fernández (Club Basquet Valls), Julio Suárez Da Silva (C.B. San Rosendo Ferrol), Diego Gómez González (C.B PeixeFresco), Alejandro Castells Castaño (Club Joventut Badalona), Pablo González Covelo (C.B PeixeFresco) , Pablo Martínez Galdo (C. B PeixeFresco), Adrián Rodríguez Ramos (C.B. Sarria), Antonio Pantín Peleteiro (Real Madrid C.D) e Agostiño Reigosa Lombao (C.B. Cidade de Lugo).

Esforzo e ilusión
No acto de presentación, celebrado esta mañá nas dependencias da Federación Galega de Baloncesto en Santiago, estiveron presentes o presidente da Federación , Francisco Martín Micó, o director técnico da Federación Galega de Baloncesto, Aniceto Fernández, e o recentemente nomeado adestrador da Selección "Galicia Xove", Roberto Bouza.

Francisco Martín agradeceu o apoio da Dirección Xeral para o Deporte á Selección "Galicia Xove" e salientou a xestión que realiza este departamento, dirixido por Marta Souto, para fomentar o Baloncesto Galego e en especial, o ámbito do Baloncesto de Base.

Así mesmo, o presidente da Federación Galega de Baloncesto amosou a súa intención de prestar continuidade a esta selección e organizar futuros encontros nos que teña a oportunidade de enfrontarse con outros combinados autonómicos.

Pola súa banda, o seleccionador Roberto Vidal Bouza, amosouse convencido de que todos os xogadores que integran este combinado traballarán co máximo de ilusión e esforzo. Así mesmo, destacou a necesidade de potenciar a rápidez no xogo, unha característica clave para enfrontarse aos grande equipos que o agardan en Vilagarcía.

O Director Técnico da Federación Galega de Baloncesto, Aniceto Fernández, resaltou na mañá de hoxe a aposta por unha selección baseada, principalmente, en xogadores de EBA xa que estes posúen un nivel axeitado para enfrontarse a equipos da talla dos seus rivais na Vilagarcía Basket Cup. Por outra banda, lembrou a aposta que se realiza pola xuventude, seleccionando tamén a xogadores que veñen brillando nas categorías inferiores galegas.

Selección de Veteranos
O presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, recordou ademais na súa intervención que, tamén na Vilagarcía Básket Cup, poderase desfrutar da Selección Galega de Veteranos, conxunto que desputará o vindeiro día 19 un encontro fronte á Selección Española de Veteranos

Francisco Martín anunciou a presencia de Fernando Romay, entre outros nomes ilustres do noso baloncesto, como integrante do combinado de veteráns galegos. De todos os xeitos, o presidente da Federación Galega de Baloncesto recordou que a lista definitiva dos integrantes da seleccións de veteráns coñecerase nos próximos días.

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca