A feira do viño Vintech abre as súas portas o luns xunto coas xornadas técnicas de Winetech

Data da nova: 22/04/10

O secretario xeral da Federación Española do Viño, Pau Roca Blasco, encargarase de abrir o vindeiro luns en Vilagarcía as xornadas técnicas Winetech: “Novas tecnoloxías en viticultura e elaboración do viño”, para afondar nas novas estratexias e modos de comercialización a disposición do sector. Estas sesións desenvolveranse en paralelo co “Salón do viño, técnicas e equipamento de Galicia”, que se celebrará do 26 ao 29 de abril no Recinto Feiral FEXDEGA.

Co obxectivo principal de promover a investigación e innovación no sector vitivinícola as sesións técnicas Winetech, organizadas pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (INGACAL), están deseñadas en torno ás necesidades concretas dun sector que evidencia unha sólida contribución ao desenvolvemento socioeconómico galego, onde a superficie adicada ao viñedo estímase actualmente en 34.000 hectáreas. O número de adegas e colleiteiros adscritos ás denominacións de orixen está cifrado en 470. 
 
O programa confeccionado por FEUGA coa colaboración dos Consellos Reguladores prantexa dar respostas prácticas ás necesidades de adegas e viticultores. As sesións técnicas do programa Winetech redundarán na mellora da comercialización a través das novas tecnoloxías e en resolver os problemas cos que se atopan os viticultores no día a día, como é o dos tratamentos fitosanitarios. Todo elo sen esquecer as intervencións sobre as exixencias europeas para o sector e as solucións para atendelas.
Esta selección de temas permite intercalar nomes de prestixio internacional e nacional, con investigadores das universidades e centros de investigación galegos con oferta en I+D+i para o sector. Xunto ao secretario xeral da Federación Española do Viño e presidente da Comisión para a reforma da Organización Común de Mercado, cabe destacar as intervencións de José Luís Pérez Marín, da sección de protección de cultivos CIDA, do Goberno de La Rioja; Fernando Zamora Marín, co-propietario da adega Espectacle del Montsant e decano da Facultade de Enoloxía de Tarragona, ou a de Ignacio Orriols Fernández, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.
A feira do “Salón del vino, técnicas y equipamiento de Galicia” está respaldo polos promotores do proxecto europeo Winetech “Nuevas tecnologías en viticultura y elaboración de vino”, liderado por INGACAL, FEUGA e outras dez entidades de sete rexións vitivinícolas do sudoeste europeo.

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca