O sector vitivinícola aposta por implantar sistemas de control de calidade para ser máis competitivo

A Alcaldesa de Vilagarcía e o presidente da Deputación inauguraron hoxe o salón Vintech

Data da nova: 26/04/10

Impulsar a internacionalización dos caldos galegos, fomentar o I D i no sector vitivinícola, incrementar a cooperación entre os centros de investigación, empresas e viticultores e modernizar os procedementos de xestión e control das adegas mediante a implantación de normativas de calidade. Con estes obxectivos abriu hoxe as súas portas a II edición do Salón Internacional do Viño, Técnicas e Equipamento, Vintech, que se celebrará ata o mércores en Fexdega.

Adegas e cooperativas de Galicia, País Vasco, Navarra e Portugal, empresas especializadas en maquinaria vinícola, etiquetaxe, embalaxe e embotellado, firmas de consultoría e enxeñería, equipamentos de laboratorio, abonos e diferentes tipos de tapóns, caixas e estoxos e cortizas. Son algúns dos produtos e expositores presentes no certame, que mostran as últimas novidades aplicadas á industria do viño en canto a equipos, técnicas de cultivo, métodos de elaboración, procesos de transformación, sistemas de comercialización e distribución, packaging e programas informáticos.

Ao acto de inauguración asistiron a alcaldesa de Vilagarcía de Arousa, Dores García Giménez; o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán; a directora do Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal), Alejandra Álvarez de Mon; o presidente da Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa, Carlos Oubiña; o subdirector xeral de Caixanova; Antonio Gómez; o presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, Fernando Javier Puertas Castillo; o director xerente de Fexdega, Juan Luís Callón; o presidente do Consello de Administración de Planner.
Axenda de Vintech para o martes 27


Xornadas técnicas e catas

Mañá martes, dentro das I Xornadas técnicas WINEtech, participarán o decano da Facultade de Enoloxía de Tarragona e co-propietario da adega Espectacle do Montsant, Fernando Zamora, e Ignacio Orriols Fernández, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. Ademais intervirán Julián García Berrios, do Grupo de Protección Vexetal, Viticultura e Arbustos Froiteiros da Universidade de Santiago de Compostela e Francisco Giráldez, da empresa INNAVES.

Pola súa banda, a Xefa de Sección de Bioloxía Molecular da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Olga Aguín Casal, dará unha charla sobre ?Enfermidades de raíz causadas por fungos na vide?.

Baixo a organización da Asociación de Catadoras de Galicia (Gallaecia) e a Asociación Galega de Catadores (AGC), o Director xeral de Tonelería Vitoria, do Grupo Radoux, Ramón Cendoya, ofrecerá un relatorio-cata sobre os ?Criterios de elección de barrica?.

A Asociación Galega de Catadoras (Agasu) celebrará unha cata maridaxe de viños elaborados polas cinco denominacións de orixe de Galicia, queixos coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e mexillón con Denominación de Orixe Protexica (D.Ou.P.). Esta cata será impartida por Óscar Cidanes, campión galego de Catadores en 2009, e Carlos Portela, de Agasu. O Consello Regulador Mexilón de Galicia e as cinco D.O. de viños galegos achegarán a materia prima para a celebración.

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca