Vintech clausúrase co obxectivo de convertirse nun referente de investigación

Data da nova: 28/04/10

A segunda edición do Salón Internacional do Viño, Técnicas e Equipamento, Vintech, clausurouse hoxe no recinto feiral de Fexdega co obxectivo engadido de converterse no referente galego da investigación e a tecnoloxía vitivinícola. Durante tres días, preto de 4.000 persoas, entre profesionais, asociacións, centros educativos e público en xeral, visitaron este certame monográfico, que congregou a máis de 60 expositores, que representaban a preto de 400 firmas. As empresas presentes en Vintech envorcáronse en ofrecer as últimas novidades aplicadas á industria do viño en canto a equipos, maquinaria, técnicas de cultivo, métodos de elaboración, sistemas de comercialización e distribución e programas informáticos, así como novos produtos para aumentar o valor engadido dos viños e garantir a seguridade das súas vendas.

A organización do salón, a empresa Planner Proceltha e a Fundación Fexdega, mostráronse moi satisfeitos cos resultados alcanzados. "Apostamos por salóns especializados nos sectores máis destacados da economía galega e cunha temática directamente vinculada á innovación e as novas tecnoloxías como é o caso de Vintech. Queremos agradecer a presenza dos expositores nesta mostra e a colaboración das institucións que apoiaron este certame como a Xunta de Galicia, a Deputación provincial de Pontevedra, o Concello e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa".

Pola súa banda, Juan Luís Callón, director xerente da Fundación Fexdega, fixo tamén unha valorización positiva do salón tanto polo número de visitantes como polos expositores."O salón supuxo unha cita moi importante para os profesionais do sector vitivinícola, un dos sectores máis estratéxicos da comarca do Salnés". Ademais, destacou o alto nivel das actividades paralelas desenvolvidas durante os tres días, concretamente as xornadas técnicas organizadas por Feuga e Ingacal e a Deputación de Pontevedra, nas que se abordaron temas de gran interese e actualidade para viticultores e adegueiros. ?Desde a Fundación Fexdega imos seguir traballando nesta liña para a terceira edición de Vintech, que se celebrará dentro de dous anos?, apuntou Juan Luís Callón.


Vintech consolidouse como o primeiro salón de Galicia no seu ámbito e situouse entre as feiras máis importantes a nivel nacional. O 79% dos expositores foron españois (41% de Galicia e o 38% de oito Comunidades autónomas: Madrid, Cataluña, Estremadura, País Vasco, Valencia, A Rioxa, Castela-León e Navarra) e o 21% estranxeiros (Francia e Portugal).

No salón estiveron representadas adegas e cooperativas de Galicia, País Vasco, Navarra e Portugal, empresas especializadas en maquinaria, etiquetaxe, embalaxe e embotellado, equipamentos de laboratorio e produtos fitosanitarios, firmas de consultoría e enxeñería, ademais de institucións públicas como a Consellería do Medio Rural, IGAPE, a Universidade de Vigo, a Cámara de Comercio e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía e o Concello de Cambados.

Plataforma de debate e reflexión

O salón monográfico serviu como punto de encontro para que os profesionais do sector puidesen debater sobre os temas que afectan directamente ao futuro da industria do viño e pór en contacto aos grandes centros de investigación con empresas e adegas de Galicia, a través das xornadas técnicas WINEtech. Os obxectivos destas charlas, organizadas polo Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal) en colaboración coa Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), foron promover a transferencia da I D i no sector, fomentar o uso das novas tecnoloxías nos procesos de viticultura, elaboración do viño e xestión das adegas e mellorar as redes de cooperación.

Nestas xornadas técnicas expuxéronse as principais necesidades dos viticultores galegos que pasan pola implantación de novos sistemas de condución, densidades e tipos de portainjertos nos viñedos, así como un mellor tratamento dos residuos das adegas e un maior control dos tratamentos fitosanitarios.

Ademais, o sector vitivinícola galego require unha maior profesionalización, principalmente entre os viticultores máis pequenos, abrir novas técnicas de elaboración dos viños tintos para conseguir unha maior presenza dos caldos galegos no mercado internacional, implantar novas ferramentas TIC, modernizar a xestión das adegas coa implantación de normativas de calidade e potenciar máis as variedades autóctonas.

Nestas xornadas, enmarcadas no proxecto europeo WINEtech, participaron destacados investigadores das Universidades de Santiago, Vigo e Tarragona, así como o Secretario xeral da Federación Española do Viño, Presidente da Comisión para a reforma da Organización Común de Mercado, Pau Roca Blasco, e o Enxeñeiro agrónomo, José Luís Pérez Marín, da Sección de Cultivos (CIDA) do SIDTA do Goberno da Rioxa, entre outros destacados relatores de gran prestixio internacional.






Diariamente, celebráronse no recinto de Fexdega máis de 20 xornadas técnicas, a cargo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Feuga, Ingacal e algúns expositores presentes no salón, nas que participaron máis de 500 profesionais e asociacións.

Paralelamente, desenvolvéronse catas organizadas pola Asociación de Catadoras de Galicia (Gallaecia), a Asociación Galega de Catadores (AGC) e a Asociación Galega de Catadoras (Agasu), que contaron coa presenza, entre outros, do actual campión galego de Catadores, Óscar Cidanes, e o Director xeral de Tonelería do Grupo Vitoria-Radoux, Ramón Cendoya.

Catas de viño do Porto e chocolate e relatorios

Durante a xornada de clausura tiveron lugar varias charlas técnicas a cargo da firma danesa Mil-tek, especializada na reciclaxe de todo tipo residuos nas adegas, e o Clúster de Empresas e Embalaxes de Estremadura (Acenvex).

Tamén, o presidente da Asociación Galega de Enoturismo, José Luís Vilanova, presentou o proxecto Novavila, o primeiro ?hotel adega tenda? especializado de Galicia, situado na parroquia pontevedresa de Meis, que se converteu nunha referencia en España. Trátase dun complexo onde se pode gozar do mundo do viño non só pola adega de que dispón, senón polos produtos saudables que se elaboran a partir da uva como as velas con aroma a albariño, cremas hidratantes, exfoliantes, xeles e xabóns de bagazo, aceite de pebida de uva, sales de baño con extracto de vide e aceites de sementes de uva, entre outros. Esta gama de produtos de cosmética, que actualmente se comercializan en España, Italia, Portugal e Venezuela, entre outros países, aproveita as extraordinarias propiedades dos polifenoles, un antioxidante natural presente nunha gran concentración nas uvas tintas que se cultivan en Galicia.

Ademais, o Conselleiro delegado e o Director de Desenvolvemento do Centro Tecnolóxico Operativo do Viño (CTOV), Mariano Louro e Cyrille Monnin, respectivamente, ofreceron unha charla na que presentaron unha etiqueta especial elaborada por este centro, filial da multinacional suíza SICPA. Esta etiqueta, que se está empezando a aplicar en varias adegas galegas, ten como obxectivo fomentar a I D i en materia de seguridade e autentificación, ademais de facilitar todo o proceso da trazabilidad do viño.

Pola súa banda, o Blend Master do Grupo Sogevinus Fine, Fernando Oliveira, ofreceu un relatorio-cata centrada nunha das marcas que actualmente comercializa, Porto Kopke, o máis antigo viño do Porto, creado en 1638. Os participantes desta cata puideron degustar un Porto Kopke de dez anos acompañado de chocolate de leite e un Porto Kopke 2005 con chocolate negro. Actualmente, o Grupo Sogevinus, propiedade da entidade financeira Caixanova, comercializa preto de doce millóns de botellas anuais de distintas marcas, un millón das cales corresponden a Kopke.

Finalmente, o vicepresidente da asociación Agasu, Pedro Villamarín, organizou unha mesa redonda con representantes dos Consellos Reguladores de Galicia sobre o presente e o futuro dos viños galegos, e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro ofreceu unha charla sobre os artrópodos, a praga da vide en Galicia.

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca