A maior parte dos expositores do I Salón de Decoración Openmoble son fabricantes do seu mobiliario e productos decorativos, concretamente un 70%, e algúns deles teñen tamén deseñador propio o que supón unha vantaxe engadida para os clientes na medida na que poden obter un producto personalizado, a medida da súa vivenda, e cun prezo moi competitivo.
Fernando Nunes, representante e deseñador de Mobilatto, unha firma que leva 35 anos fabricando mobles e son propietarios de cinco establecementos comerciais, un deles en Pontevedra, sinalou que unha das vantaxes que ofertan como empresa é que realizan proxectos de decoración integrais para os seus clientes, visitando a vivenda e ofertando as mellores solucións para cada caso particular, sempre tendo en conta o gusto e as necesidades do cliente. Nunes sinalou que non engaden un prezo aos seus orzamentos por facer estes estudios, sempre que haxa un compromiso de compra previo. A súa exposición en OPENMOBLE integra materiais tan chamativos coma acabados en prata en sillóns seguindo unha liña moderna ou tamén propoñendo como tendencia un clásico renovado.
Este expositor mostra incluso cadros de deseño exclusivo con marcos de fabricación propia pensados con cores e materiais similares aos do resto da estancia de xeito que forman parte de proxectos integrais.
Pola súa parte, Sara Rivero de F.B.R., quen representa e é a súa vez deseñadora desta firma, manifestou que realizan calquera dos seus mobles á medida, incluso os sofás, para que se adapten aos tamaños das estancias. “Aquí ten que ser a medida porque os sofás que nós traemos non caben nas salas das casas españolas”, manifesta. Non obstante, engade que non aumenta o orzamento por facelo a medida, xa que eles mesmos son fabricantes.
Esta decoradora explicou que os seus productos non son laminados nin chapeados porque non o venden. O que propoñen son mobles en placa mariña que resulta un material máis ventaxoso que a madeira, xa que non dilata co frío e a calor, e oferta un aspecto consistente e de boa calidade. Ademais con eles conséguese unha liña moi actual, que é o que reclaman os consumidores galegos, segundo manifesta. Os acabados realízaos igualmente en madeira. Outros materiais que ofertan como innovadores son os cabeceiros en polipiel, que resultan actuais, económicos e non requiren a calidade da pel que propoñen para os sofás. Na súa exposición destaca un sillón rinconera con luces laterais, unha proposta igualmente innovadora.
F.B.R fabrica incluso os edredóns e teas que expoñen para as súas habitacións, de xeito que os proxectos inclúan ata o máis mínimo detalle.
Outra das empresas radicadas en Openmoble, Establecementos Otero, que mostra dende cociñas ou azulexos ata habitacións infantís por módulos adaptables que logo se convirten en habitacións de adolescentes, promove como novidades azulexos con fotografías ou coas imaxes preferidas polos propietarios das vivendas. Unha grande variedade de papel decorativo é outra das súas propostas para as novas temporadas.
Openmoble abrirase hoxe e mañá, xoves e venres, so pola tarde, en horario de 17.00 a 21.00 horas. O sábado 16 e o domingo 17 estará aberto de 12.00 ata as 21.00 horas. Os días laborables son, normalmente, os elexidos polo público para facer as súas transacións comerciais, mentres que as fins de semana son as que rexistran a maior parte das visitas. Esta é a razón de que os expositores do sector de decoración valoren positivamente a permanencia nunha feira de 9 días de duración.
Está exposición ocupa 3.500 metros cadrados de superficie e nela participan unha quincena de grandes empresas. O mobiliario exposto en Openmoble e as novidades de decoración resultan un atractivo indiscutible para o público que visita o salón, que non deixa de poñerse ao tanto das novas corrientes de interiorismo e de interesarse polas solucións expostas.