O alcalde de Vilagarcía inaugura unha feira con rebaixas de ata o 80%

Data da nova: 25/02/11

O alcalde de Vilagarcía en funcións, Xosé Castro Ratón, cortou hoxe a cinta inaugural da sexta edición da Feira de Oportunidades de FEXDEGA, Expoferta Zonaberta, que estará aberta ata o vindeiro domingo, día 27 de febreiro. 

No acto de inauguración estiveron presentes, ademais, do xerente de FEXDEGA, Juan Luis Callón e a presidenta de Zona Aberta, Rocío Louzán, a concelleira de Promoción Económica e vicepresidenta de FEXDEGA, Rosa Abuín,  o presidente da Autoridade Portuaria, Javier Puertas Castillo, o presidente da Cámara de Comercio de Vilagarcía e vicepresidente de FEXDEGA, Carlos Oubiña, o deputado autonómico, Modesto Pose, concelleiros de tódolos grupos políticos con representación municipal, distintos representantes da nova entidade financeira Novacaixagalicia, entre outras autoridades. 

Expoferta Zonaberta oferta produtos de calidade a moi baixo prezo. Os establecementos presentes na mostra teñen unha media de cinco ou seis marcas cada un. Lewis, Docker, Desigual, Vans... son algunhas das firmas que se poden atopar e os descontos acadan o 60%, o 70% e o 80%. Algún propietario manifestou que vende por debaixo do prezo de custe porque teñen que liquidar a mercadoría.

A feira de rebaixas de FEXDEGA mostra unha grande selección de artigos que converten o salón nun área comercial outlet de especial atractivo pola súa ampla variedade. Así, as ofertas non so se limitan a  textil e calzado se non que na exposición pódese atopar, por exemplo, unha mesa portátil para PC con luz (un estupendo agasallo para as comunións), un xogo de reloxo, xemelgos e pasagarabatas, bolsos de viaxe, fontes de pedra para exterior, libros, carpetas, sillóns de masaxe, máquinas de envasar ao vacío, máquinas de ximnasia...

Un vestido por 10 euros, unha montura de gafas, máis dúas lentes e sistema antirraiado, por 50 euros son algunhas das gangas que o visitante se poderá levar se visita a exposición, que estará aberta toda a fin de semana.

En total son máis de 60 expositores procedentes de todos os municipios da bisbarra e tamén de A Coruña, Ribeira, Noia, e Pontevedra por poñer un exemplo dos lugares de procedencia.

Unha característica especial deste salón é a existencia dun servizo de ludoteca, que, por si mesmo atrae a moitos visitantes, xa que permite aos pais mercar libremente mentres deixan aos nenos ao coidado duns monitores que os entreteñen coa realización de talleres plásticos. Este ano, dada a proximidade do antroido, a ludoteca estará centrada na realización de caretas, máscaras e maquillaxes propias destas festas. Os rapaces que participen poderán levar para as súas casas os artigos que realicen no taller.

FEXDEGA espera a visita dunhas 11.000 persoas neste salón, tendo en conta os datos de asistencia de edicións anteriores.

A entrada á exposición costa unicamente 1 euro.

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca