O Comité Executivo de FEXDEGA autoriza alugar o Recinto para realizar oito eventos durante 2011

Data da nova: 03/03/11

O Comité Executivo de FEXDEGA aprobou hoxe alugar o Recinto Feiral á empresa Organización Feiral Galega S.L. para a organización de oito salóns durante o ano 2011. Trátase dunha firma que xa opera na actualidade no Recinto Feiral de Lugo. 

 A proposta inclúe dous salóns de automoción (novo e usado); un salón de decoración, mobles, antigüidades e artesanía; un salón vitivinícola e de alimentación; un evento musical e de tuning; outro nupcial e de perruquería e beleza e un festival de deportes e outro de lecer infantil en decembro. As datas están pendentes de coordinación respecto ao calendario anual de FEXDEGA, pero o Comité Executivo estableceu que non poden interferir nos eventos tradicionais do Recinto, os que organice a propia Fundación,  nin nos reservados por outros operadores.

O Comité Executivo esixiu á citada firma unha serie de garantías previas antes de proceder ao aluguer e estableceu que o incumprimento de pago ou de realización dun evento anulará os seguintes. 

Na reunión do Comité Executivo participaron os seus catro integrantes, a presidenta, María Nava Castro, directora xeral de Comercio e os vogais, José Manuel Cores Tourís, pola Xunta de Galicia, Rosa Abuín, polo Concello de Vilagarcía e Carlos Oubiña, pola Cámara de Comercio.

 

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca