Ofegal aporta unha traxectoria de 20 anos organizando eventos

Data da nova: 14/03/11

Organización Feiral Galega, a empresa que alugará o Recinto de FEXDEGA durante o ano 2011 para a organización de oito eventos, deuse hoxe a coñecer aos medios de comunicación nas instalacións do Recinto. A empresa sinalou que ten unha traxectoria de 20 anos operando en Galicia, Portugal, Asturias, León, Salamanca, Zamora e, en xeral, en todo o norte de España.

Segundo o contrato asinado coa Fundación FEXDEGA, realizará o 14, 15, 16 e 17 de maio o Salón do Automóvil, o 20, 21, e 22 de maio, o Salón do Vehículo Usado; o 3, 4 e 5 de xuño o Salón Vitivinícola e Alimentario; o 29, 30 e 31 de xullo, un evento musical concentración tunning e concentración mototurista; o 29, 30 e 31 de outubro e 1 de novembro, un salón de decoración, mobles, antigüidades e artesanía; o 18, 19 e 20 de novembro un salón de perruquería, beleza e salón nupcial; do 3 ao 11 de decembro un festival de deportes e do 17 de decembro ao 8 de xaneiro un evento de lecer infantil.

O xerente de Organización Feiral Galega, Sindo Alonso Clemente, tamén apuntou á posibilidade de facer un congreso médico no Recinto Feiral FEXDEGA no vindeiro mes de outubro. Trátase, dixo, dunha proposta que recibiu e que considerou que encaixa en FEXDEGA, pero que aínda non está materializada. Sería un Congreso que tería carácter nacional ou internacional.

Dixo que para os eventos que organice contratará persoal de Vilagarcía e do seu entorno e manifestou que, a partir do vindeiro luns, xa terá en Vilagarcía un representante da súa empresa que traballou en feiras xa celebradas en FEXDEGA.

Alonso Clemente manifestou, así mesmo, que está a espera de que se celebren as eleccións municipais para manter contactos co goberno local e ver o xeito de colaborar nos eventos que queiran realizar aquí. 

O xerente de Organización Feiral Galega considera que Vilagarcía é unha ubicación idónea para a realización de eventos pola súa posición estratéxica. Segundo sinalou, en outros momentos, recibiu ofertas para organizar eventos noutros recintos de Galicia, pero rexeitounos por que non os considerou lugares tan apropiados.

 Dixo tamén que sobre as dúbidas que poidan xurdir sobre a realización deste calendario, el conta coa vantaxe de que posúe unha empresa propia de montaxe polo que os custes dos eventos resúltanlle máis reducidos.

 Insistiu en que os seus eventos non interferirán coas feiras de FEXDEGA, así como espera que FEXDEGA non organice ningún evento que compita co calendario que xa ten en marcha. Do mesmo xeito, precisou que conta con poder renovar o contrato para que este calendario teña continuidade o ano que ven.

 

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca