Máis de 700 participantes medirán as súas habilidades no recinto feiral de Vilagarcía de venres a domingo.


FEXDEGA retoma mañá o campionato galego de dardos electrónicos.

Data da nova: 10/07/08

Os dardos volverán voar mañá no Recinto Feiral FEXDEGA de Vilagarcía, no segundo dos catro tramos que constitúen o Campionato Galego e Internacional de Dardos Electrónicos coorganizado por FEXDEGA e a Asociación FEGADE. As competicións levaranse a cabo de venres a domingo e os organizadores prevén unha asistencia para esta fin de semana de máis de 700 participantes.

 

O Campionato Galego Individual Mixto desenvólvese o venres. A partir das oito da tarde e ata as nove e media, os competidores poden recoller as súas acreditacións e, ata as dez da noite, adestrarse. A competición comeza ás dez e cuarto.

 

O sábado serán os finalistas do Trofeo Diario de Arousa os que competirán polo primeiro posto. Trinta e dous equipos que recollerán as súas acreditacións a partir das catro da tarde, con adestramentos libres de cinco a seis. A disputa polo trofeo comezará ás seis e cuarto.

 

O domingo celebraranse varias competicións simultaneamente: A última fase da Final do Trofeo Bote FEGADE Feminino, a final do Trofeo GREVILA Feminino e a Final do Campionato Infantil e Xuvenil, que admite participantes de seis a dezaseis anos. Das cinco ás seis da tarde poderán facerse coas súas respectivas acreditacións, ata as seis e media adestrarán libremente e ás sete darán comezo as competicións.

 

A inscrición no campionato infantil e xuvenil aínda está aberta a novos participantes e é gratuíta. Ademais, a organización do evento reservou unha zona para xogos infantís para que os máis pequenos teñan unha diversión alternativa.

 

Os campionatos continuarán ao longo deste mes, de venres a domingo. Mentres, os máis de dous mil trofeos que se entregarán o último día de competición seguen a  estar expostos ao público.

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca