Galaecia.net abre mañá as súas portas a 56 horas ininterrompidas de diversión

Data da nova: 07/08/08

Un total de 120 participantes cos seus respectivos ordenadores vivirán, a partir das 12h de mañá, un maratón de 56 horas de diversión e información no Recinto Feiral FEXDEGA de Vilagarcía. Será unha fin de semana diferente para novos de toda Galicia.

 

A oferta de ocio será do máis variado. Ademais da zona de videoconsolas, á que poderá acceder calquera interesado, realizaranse unha grande variedade de competicións:

 

Concurso de Half-Life: Trátase dun xogo de acción en primeira persoa ambientado nun mundo de ciencia ficción. Deu lugar a expansións e modificacións, como o coñecido Counter Strike. EnGalaecia.net utilizarase a versión 1.1.1.0 (pre Steam) para que os participantes compitan ata que só un sexa proclamado vencedor.

 

            Concurso Need for Speed (necesidade de velocidade): É un videoxogo de carreiras de automóbiles. Na versión Porsche 2000, proclamarase gañador o piloto que logre ser o primeiro en atravesar a liña de meta. Moitos consideran este xogo como un verdadeiro simulador, xa que as reaccións do automóbil nas carreiras son do máis realista.

 

Worms Armageddon: Un videoxogo de estratexia militar por quendas. Dito así, podería parecer un videoxogo duro e sanguento, pero a ambientación é moito máis “doce” que todo iso. Varios equipos de vermes rosas con voces estridentes enfróntanse entre si con armas de todo tipo para facer desaparecer ás lombrigas rivais.

 

Fotografía dixital e debuxo rápido: Nestes dous concursos a mecánica é a mesma; A Asociación SIL, coorganizadora do evento, proporá un tema aos participantes que, a partir dese momento, contarán cun tempo limitado para realizar fotografías en Vilagarcía no caso do primeiro concurso e facer un debuxo enxeñoso co seu ordenador no segundo.

O xurado, formado por membros da asociación, decidirá cál é a fotografía merecedora do primeiro premio.

 

Lanzamento de CD: Trátase do campionato que máis afluencia de xogadores tivo en toda a historia de Galaecia.net, e é que non é necesario ter coñecemento ningún de informática nin ser un artista do pincel ou a fotografía. Os xogadores deben lanzar o seu disco intentando que se aproxime o máximo posible á liña que previamente se marcou no chan, a uns 20 ou 30 metros da posición do lanzador.

 

Asalto á Bastilla: Un ordenador ao outro lado do cable de rede que os hackers deberán conquistar. Conseguir permisos e claves e conseguir o control do ordenador será o que dea a vitoria ao mellor dos participantes.

 

A pesar de tratarse dun evento con entrada gratuíta, os gañadores destas competicións non terán unicamente a ovación do público como premio, senón que cada un deles recibirá material informático en recoñecemento pola súa valía en cada unha das modalidades. Ademais, celebraranse outras competicións non oficiais a petición dos participantes.

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca