A FUNDACION FEXDEGA e Zona Aberta rubrican un convenio a tres anos para a organización deste evento. Por primeira vez o salón contará coa presencia de comerciantes de fóra de Vilagarcía

FEXDEGA celebrará en marzo a feira de stocks Expoferta-Zonaberta

Data da nova: 08/01/2009

A Fundación FEXDEGA volverá a celebrar este ano unha nova edición de Expoferta, a feira de rebaixas que coorganiza xunto coa Asociación local de comerciantes Zonaberta. Este ano o salón, en vez de repetir na tempada de verán asociarase cos stocks de inverno xa que o evento terá lugar do 6 ao 8 de marzo. Este foi o acordo ao que chegou esta semana o xerente de FEXDEGA, Juan Luis Callón Cameán, coa presidenta de Zona Aberta Rocío Louzán Blanco.

Segundo o contrato asinado entre ambas partes a feira de stocks comercializarase entre os establecementos de Vilagarcía e a súa área de influencia, o que quere dicir que por primeira vez se abrirá a o salón a non socios. Esto permitirá unha maior variedade de sectores, xa que ao permitir a entrada de comercios que non son de Vilagarcía ábrese un maior abanico de posibilidades de negocios que non teñen expoñente na cidade arousana. Deste xeito a feira cobrará máis dinamismo e máis interés para o público, o que se espera repercuta positivamente no conxunto do salón e particularmente nos socios de Zona Aberta.

Outra novidade do salón deste ano será o horario. Ao tratarse dunha feira de inverno, abrirase tamén pola mañá. Concretamente, o horario será de 12.00 da maña a 10.00 da noite. Ademáis, pola mesma razón (feira de inverno) o evento reduce o número de días de 5 a 3.

Igual que noutras ocasións, a entrada ao salón costará 1 euro.

Dado o aprazamento que se produxo no salón previsto para agosto de 2008, FEXDEGA utilizará o mesmo cartel que xa estaba editado, xa que non hai variación algunha na imaxe da feira que se quere transmitir. 


O acordo de celebración desta feira entre a FUNDACION FEXDEGA e ZONA ABERTA plasmouse nun convenio a tres anos, esto é para 2009, 2010 e 2011. As datas de cada edición decidiranse no mes de novembro do ano anterior e non se descarta que algunha edición poda volver a celebrarse no verán.

Zona Aberta encargarase da comercialización do evento, mentres que FEXDEGA ocuparase da montaxe, a seguridade, a publicidade, a limpeza, a loxística, a comunicación e o protocolo.

Ademais de roupa, o salón, poderá albergar mobles, artigos de decoración, caza…

A feira manterá, así mesmo, o seu carácter lúdico polo que se seguirá realizando a ludoteca para nenos que se viña organizando tradicionalmente no evento.

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca