FexdegaVisitantes no Recinto Feiral Fexdega

A FUNDACION FEXDEGA analiza, feira por feira, o gasto que se realiza en publicidade, aluguer de material de montaxe, contratación de empresas externas en xeral e contratación de persoal e contrarresta esta inversión cos ingresos que deixan os expositores, personal de montaxe e visitantes que se aloxan ou consumen en Vilagarcía e na súa comarca durante os días que dura cada evento.

FEXDEGA calcula o gasto dos expositores en función das enquisas que lles realiza, nas que os participantes de cada evento que proceden de fóra da provincia sinalan o número de persoas que se desprazan ata a cidade para atender o seu stand. Posteriormente ten en conta o consumo que se supón a cada desprazado a provincia de Pontevedra, segundo o criterio establecido polo Instituto Galego de Estadística (IGE).

Para calcular o gasto dos visitantes, a Fundación Feiral vilagarciana realiza enquisas de consumo a unha mostra dos asistentes a cada feira e posteriormente aplícalles os criterios de gasto en aloxamento, restauración, comercio e turismo que se supón aos desprazados a esta provincia, segundo o IGE.

Así, segundo os estudios realizados sobre a repercusión que teñen as feiras realizadas en FEXDEGA sobre o seu entorno máis próximo, dedúcese que por cada euro invertido nun evento quedan outros 3 ou 4 en Vilagarcía e nos municipios próximos.

INCIDENCIA DA INVERSIÓN DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

Esta incidencia do gasto realizado nas feiras sobre a economía da comarca é aínda máis notable se se ten en conta só a inversión realizada polas administracións públicas. FEXDEGA reinvirte a totalidade dos seus recursos na realización de eventos polo que se se teñen en conta so as axudas procedentes da Administración (Xunta e Concello) este multiplicador (o que se deriva do gasto realizado polo beneficio obtido) sería moito maior.