A Escola de Baile Perla de Arosa, de Vilagarcía, fará un pasacalles que animará o salón pola tarde.


O conselleiro de Industria inaugurará Fexdega Multisectorial o venres, día 9

Data da nova: 06/10/2009

 A 40 edición da Feira Multisectorial FEXDEGA, de Vilagarcía de Arousa, abrirá as súas portas o vindeiro venres, día 9 de outubro, as 12.00 horas, da man do conselleiro de Economía e Industria Javier Guerra Fernández. Trátase da primeira visita oficial do conselleiro ao Recinto Feiral de Vilagarcía de Arousa dende a súa toma de posesión e farao a unha feira chea de contidos na que estarán ocupados os 7.000 metros cadrados da zona de exposición.

 Pola tarde, en torno ás 17.30, o grupo de danza Perla de Arosa animará o Recinto de cara ao público realizando un pasacalles por toda a área expositiva. Son un total de 34 alumnas que escenifican coreografías sustentadas nos traballos recompilados por Rei de Viana. Esta é tamén a primeira vez que un grupo cultural amenizará as rúas do salón multisectorial de FEXDEGA.

 O sábado, pola tarde, FEXDEGA ofrecerá outra actividade paralela aos contidos meramente comerciais. Esta vez trátase dun acto dirixido ás autoridades que están presentes na feira e que teñen algunha vinculación co turismo. A institución lusa Turismo Porto e Norte de Portugal ofrecerá unha degustación de productos do país veciño na que participarán alcaldes da Mancomunidade de O Salnés, autoridades municipais, directivos da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Caixanova, a Cámara de Comercio de Vilagarcía, a Deputación e a Asociación de Hostalería e Iniciativas Turísticas de Vilagarcía (AHITUVI).

Exploración de xacementos graníticos

 FEXDEGA ofrecerá nesta ocasión unha alta porcentaxe de expositores dedicados ao mobiliario aínda que tamén hai productos para a construcción, decoración, téxtil... Así mesmo darase a coñecer unha nova empresa de explotación de recursos mineiros procedente de Portugal, que é a primeira vez que acude a Galicia para promocionarse. Trátase de Granifinas, unha firma dedicada á explotación do granito e a exploración de xacementos graníticos.
 
 A feira celebrarase do 9 ao 12 de outubro. O horario será de 12.00 a 21.00 horas, de xeito que todo o mundo teña ocasión de visitalo fora da xornada laboral. O prezo da entrada é de 3 euros, aínda que os nenos e maiores de 65 anos pagarán só 1 euro.  
 

 

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca