A práctica totalidade das empresas que expoñen no I Salón de Decoración Openmoble teñen productos na área de stocks con descontos que van dende o 15% ata o 40% do prezo orixinal. A exposición de artigos en rebaixas ocupa uns 300 metros cadrados de superficie. A feira estará aberta ata o domingo, día 17 de outubro.
A exposición de stocks do I Salón de Decoración Openmoble abarca todo tipo de artigos de decoración dende cadros ou pequenos espellos con prezos que se reduciron ata 10 ou 20 euros, ata puffs, sofás, mesiñas de centro, camas, mantas, comedores, revisteiros e lapiceiros de pel, entre outros artigos.
Openmoble alberga productos tan innovadores coma unha cama redonda, que mostra a firma de A Estrada Artest, ou sofás con mandos electrónicos que permiten deslizar as prazas de asento de xeito doado. Cociñas, armarios de obra, aparadores, habitacións infantís son outros dos artigos que se deixan ver na exposición.
Ademais dos materiais innovadores que se empregan no mobiliario exposto, coma placa mariña, algunhas empresas seguen aportando ás exposicións de FEXDEGA a tradicional madeira maciza. É o caso de A Ponte Nova, unha firma que xa acudiu á Feira Multisectorial noutras ocasións e que trae a Openmoble productos deseñados segundo o gusto que expresaron os clientes que os visitaron en anos anteriores. A Ponte Nova manifesta que a súa participación nas feiras deste ano estalles a resultar máis ventaxosa que o ano pasado e que os seus clientes teñen un nivel adquisitivo medio-alto.
Está exposición ocupa 3.500 metros cadrados de superficie e nela participan unha quincena de grandes empresas.