A Fundación FEXDEGA e a Asociación de Comerciantes de Vilagarcía, Zonaberta ultiman estes días o peche da 6ª Feira de Oportunidades Expoferta Zonaberta, que terá lugar do 25 ao 27 de febreiro, ou sexa, a vindeira fin de semana.
A montaxe dos stands estase a realizar no Recinto Feiral de Vilagarcía e pódese constatar unha ocupación da nave de exposicións similar a das anteriores edicións. O contexto de crise económica e as limitacións impostas pola nova Lei Interior de Comercio, que esixe unha maioría de expositores da comarca, foi contrarrestado pola Fundación Feiral cunha baixada dun 12% nos prezos dos stands e a estratexia dou un resultado moi positivo porque foron moitos os expositores que se amosaron interesados en acudir ao certame. Así, a pesar destas limitacións redondeáronse as cifras de ocupación dos anos de máis bonanza.
Tamén Zona Aberta bonificou este ano aos seus asociados que desexaban participar na exposición o que redundou nunha maior participación dos expositores de Vilagarcía de Arousa. Así, mentres en 2009 e 2010 os expositores de Vilagarcía eran un 25% dos asistentes, este ano 2011, os comercios vilagarciáns supoñen o 50% da mostra. Cambados, Vilanova, A Illa, Meaño, Ribadumia... e o resto dos municipios da comarca aportan a maioría dos expositores restantes.
Neste intre, aínda quedan un par de espazos por ocupar na mostra que se espera se rexistren nos dous días que restan antes de finalizar a montaxe do salón.
Expoferta Zonaberta é unha exposición de stocks aberta a establecementos de toda a comarca. Para participar, o único requisito imprescindible é ser propietario dun comercio, preferentemente da comarca de O Salnés.
Roupa, calzado, agasallos, decoración, complementos, xoiería, e incluso piscinas son algúns dos artigos que se poderán atopar no salón, todos a prezos de saldo.
A Feira de Rebaixas de FEXDEGA é xa un referente en toda a comarca para público e expositores pola alta calidade dos artigos e da exposición e as ofertas que se conseguen en calquera prenda de vestir.
Son moitos os establecementos da comarca que repiten a súa presenza no Salón de Oportunidades de FEXDEGA, o que da idea do éxito da convocatoria e da súa consolidación entre os arousáns. Así, segundo as estimacións feitas ata o de agora, máis do 50% das tendas inscritas no evento xa tiveron presenza nas anteriores edicións.
Igual que noutras ocasións, a entrada ao salón custará 1 euro e o horario será de 12.00 a 22.00 horas, o que permitirá o acceso a todo tipo de público e fora de horas de traballo.