A Fundación FEXDEGA e a Asociación de Comerciantes de Vilagarcía, Zonaberta inauguran mañá a sexta edición da Feira de Oportunidades de Vilagarcía Expoferta Zonaberta, que estará aberta ao público ata o vindeiro domingo, día 27 de febreiro, en horario de 12.00 da mañá a 22.00 horas.
O espazo previsto para o salón, 3.000 metros cadrados, cubriuse na súa totalidade, polo que será unha feira ampla e chea de contidos. Así, ademais dos clásicos stands de roupa e calzado haberá expositores de libros, chemineas, agasallos e outros moitos produtos. Por exemplo, poderase atopar unha panadería, varios establecementos de roupa e artigos deportivos, varios de roupa de nenos (algúns especializados en bebés e outros en idades ata 16 anos) e tamén hai roupa e complementos para vodas e comunións ou piscinas e artigos fitness.
En total son máis de 60 expositores, unha cifra moi similar as dos anos 2009 e 2010. Cambados, Vilanova, A Illa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Noia, A Pobra, Ribeira, Pontevedra... aportan os expositores presentes no salón, aínda que hai que dicir que a meirande parte son da comarca de O Salnés e, este ano, o 50% proceden de Vilagarcía de Arousa.
Unha característica especial deste salón é a existencia dun servizo de ludoteca, que, por si mesmo atrae a moitos visitantes, xa que permite aos pais mercar libremente mentres deixan aos nenos ao coidado duns monitores que os entreteñen coa realización de talleres plásticos. Este ano, dada a proximidade do antroido, a ludoteca estará centrada na realización de caretas, máscaras e maquillaxes propias destas festas. Os rapaces que participen poderán levar para as súas casas os artigos que realicen no taller.
Este espazo, que estará atendido por tres monitores, contará ademais con 150 libros de contos para divertir aos pequenos e a asistencia será gratuíta, coa entrada do salón, que custa 1 euro. Os rapaces poderán participar nestes talleres durante 1 hora.
A ludoteca estará en funcionamento de 4.30 da tarde a 10.00 da noite, venres, sábado e domingo. Todo o material de que se disporá está aportado pola Concellería de Xuventude do Concello de Vilagarcía de Arousa. A firma que o atenderá ocupouse tamén, con grande éxito, do espazo LudoNadal.
A Feira de Rebaixas de FEXDEGA é xa un referente en toda a comarca para público e expositores pola alta calidade dos artigos e da exposición e as ofertas que se conseguen en calquera prenda de vestir.
Son moitos os establecementos da comarca que repiten a súa presenza no Salón de Oportunidades de FEXDEGA, o que da idea do éxito da convocatoria e da súa consolidación entre os arousáns. Así, segundo as estimacións feitas ata o de agora, máis do 50% das tendas inscritas no evento xa tiveron presenza nas anteriores edicións.