2.500 escolares celebrarán a Festa da Lingua en FEXDEGA o 30 de abril
Data da nova: 09/04/2008
Vilagarcía, 8 de abril de 2008. - Os Premios de Literatura Infantil e Xuvenil Frei Martín Sarmiento entregarase o día 30 de abril en Vilagarcía no marco da gran Festa da Lingua que se organizará no pavillón de Fexdega e na que participarán preto de 2.500 escolares de centros relixiosos de toda Galicia. Os únicos premios de literatura concedido polos lectores, neste caso estudantes, sae por primeira vez de Compostela e arriban a Vilagarcía coa intención de repetir.
O Concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, e Xoan Guillén, representante do comité organizador dos Premios presentaron hoxe no Concello os actos programados para a entrega da cuarta edición deste importante certame literario. O concelleiro escusou a ausencia de Francisco Rodríguez Carballo, xerente en funcións de Fexdega, entidade colaboradora nos actos previstos na capital arousá.
Os premios de Literatura Infantil e Xuvenil Frei Martín Sarmiento naceron por iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística de Centros Relixiosos, entidade que aglutina a 125 colexios de Galicia, dos cales 32 participaron este ano na selección das obras premiadas. O que inicialmente naceu coa finalidade de facilitar ao profesorado a selección das lecturas que realizar ao longo do curso en base aos gustos dos propios alumnos, descubriuse como un excelente xeito de promocionar a lectura en galego entre os máis novos.
O concelleiro de Cultura explicou que a entrega dos Premios Frei Martín Sarmiento enmárcase na política de promoción do uso da lingua galega que está a levar a cabo o seu departamento e que en abril, mes dedicado ao libro, contou tamén con actos como o fallo do Premio de Tradución Plácido Castro e todo un programa de actividades na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro.
Sistema de valoración das obras
Segundo explicou Guillén, os alumnos son á vez os críticos e o xurado dos premios. O sistema que se segue para a concesión dos mesmos iníciase a finais de cada curso, cando as editoriais envían á Comisión as obras de literatura infantil e xuvenil que publicaron no último ano. Un grupo reducido de mestres e alumnos de diferentes idades son os que fan unha preselección cos libros que se distribuirán ao inicio do seguinte curso entre os centros participantes no Premio co obxecto de que sexan lidos e puntuados polos seus alumnos. Para a distribución das obras, a organización asinou un convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.
Este ano, o número de lectores que valorou as obras ascendeu a 5.300 escolares, que puntuaron dunha escala do un ao dez as obras divididas en catro categorías. A de primeiros lectores, para alumnos de primeiro e segundo curso de Primaria; unha segunda para lectores infantís, de terceiro e cuarto curso de Primaria; a terceira, para xuvenís, de sexto de Primaria e primeiro e segundo de ESO; e a última, para obras destinadas a un público adolescente, os pertencentes aos dous últimos cursos de ESO e de primeiro de Bacharelato.
En cada categoría estableceranse tres finalistas, resultando gañador en cada unha delas o título que máis puntos acadara. Os premios non están dotados cunha suma económica, trátase dun recoñecemento da crítica e do público ao que vai dirixido, de aí que estean moi valorados pola industria editorial.
A Gran Festa da Lingua en Fexdega
Os títulos das obras finalistas daranse a coñecer ao longo desta mesma semana, mentres que a entrega terá lugar, como xa se dixo, o día 30 de abril en Fexdega. A elección deste escenario débese á cantidade de alumnos que participan nesta gran Festa da Lingua -este ano en torno a 2.500- e ao número de actividades a desenvolver durante toda a xornada. A excelente acollida e a colaboración prestada tanto dende o Concello como dende Fexdega, unido á circunstancia de que en Arousa existen tres centros que participan no premio (o Sagrada Familia e o San Francisco de Vilagarcía e Os Salesianos de Cambados).
As actividades comezarán de mañá con obradoiros e faladoiros no que os escritores das obras finalistas e os gañadores da actual e pasadas edicións dos premios departirán con alumnos e someteranse ás súas preguntas. O acto de entrega dos premios propiamente dito terá lugar en torno ao mediodía e o resto da xornada dedicarase as actividades de tipo lúdico como sesións de contacontos, xogos e estruturas inchables.