O Concello distribúe entre os colexios 300 entradas para participar na II Xira de Karting Indoor

PRENSA KARTING: FEXDEGA volverá a abrir a Xira Galega Karting Indoor

Data da nova: 23/04/2008


Vilagarcía, 21 de abril de 2008. - Un total de 300 escolares do municipio poderán participar de xeito gratuíto nas actividades organizadas no marco da II Xira de Karting Indoor que se celebra do 24 ao 27 de abril nas instalacións de Fexdega. O Concello, a través adas concellerías de Educación, Xuventude e Turismo, adquiriu as entradas que se distribuirán entre os centros escolares en función do número de alumnos cos que conten.

O Concello colabora coa organización do evento promovido pola empresa RGM Producciones e que se presentou no Concello coa presencia das concelleiras Susana Camiño. Ana Lorenzo e Rosa Abuín; da delegada provincial de Deporte e do representante de Gadisa, firma que o patrocina.

A II Xira de Karting Indoor percorrerá distintas cidades de Galicia dende esta fin de semana e ata finais de xuño. O evento, que estivo en Vilagarcía na súa primeira edición, inaugúrase na nosa cidade, para proseguir posteriormente nas de Lugo, A Coruña, Carballo e Ferrol e clausurarse en Vigo o 29 de xuño. O pavillón feiral de Fexdega acolle por segundo ano consecutivo a Xira de Karting Indoor, un evento que este ano amplía o seu programa con máis actividades.

O circuíto permanecerá en Fexdega entre o 24 e o 27 de abril e o único requisito para poder pilotar os karts será ter cumpridos os oito anos. A entrada ao recinto é de balde, a igual que todas as actividades que se celebren dentro del, coa exclusión das sesións do circuíto de karts que custarán 5 euros e terán unha duración de 5 minutos. Nesta segunda edición incluíronse algunhas novidades como un sistema de cronometraxe informatizado, un circuíto deseñado por expertos en kárting e balizados homologados. Ademais do graderío, instalaranse dúas pantallas de plasma para que os asistentes poidan ir vendo algunhas das carreiras de fórmula uno que se vaian desenvolvendo neses días e, como se pretende que sexa un evento para toda a familia e no que se dean a man deporte e espectáculo, tamén haberá música e inchables para os máis cativos.

Concello de Vilagarcia de Arousa Diputación de Pontevedra A Banca