O Recinto Feiral FEXDEGA, de Vilagarcía de Arousa, albergará a partir de mañá, venres, e durante tódolos fins de semana do vindeiro mes de xullo os Campionatos Galego e Internacional de Dardos Electrónicos, un torneo inédito tanto na nave feiral de Vilagarcía coma no que se refire á comunidade autónoma de Galicia, xa que é a primeira vez que se celebran aquí probas similares.
O evento, no que participarán 10.000 xogadores, contará con máis dunha ducia de probas repartidas entre o venres 4 de xullo e o domingo 6; o venres, 11 e o domingo, 13; o venres, 18 e o domingo, 20; e o venres, 25 e o domingo, 27. Estímanse medio milleiro de participantes en cada xornada.
Respecto ás disputas que terán lugar este fin de semana, mañá, día 4, disputarase o Campionato Galego de Parellas Mixtas. Ás 20.00 horas, será o rexistro de acreditacións, entre as 20.00 e as 22.00 serán os adestramentos libres e ás 22.15 comezará o torneo.
O sábado, día 5, data en que se disputará a final do Trofeo Bote FEGADE, as acreditacións rexistraranse ás 16.00 horas, ás 17.00 serán os adestramentos libres e ás 18.15 o comezo do torneo, mentras que o domingo, día 6, data para a Selección do Campionato Infantil e Xuvenil (06 a 16 anos) e para a final do Trofeo Bote FEGADE femenino, ás 10.00 será o rexistro de acreditacións, os adestramentos comezarán ás 10.30 e ás 12.00 comezará a selección. Pola tarde, ás 17.00 horas rexistraranse as acreditacións, ás 17.00 horas serán os adestramentos e o torneo comezará ás 19.30.
O público que o desexe poderá acceder ao Recinto de xeito libre para seguir as competicións dende as gradas, que se instalarán para este evento no interior da nave feiral de FEXDEGA.