Xa son máis de oitenta os usuarios que confirmaron a súa asistencia á terceira edición da party arousana que se celebrará en FEXDEGA do 8 ao 10 de agosto. Máis da metade acudirá dende fóra de Vilagarcía: A Coruña, Vigo, Cambados e Santiago de Compostela son as procedencias máis comúns entre os non vilagarcianos que xa validaron a súa praza para asistir ao evento, o que pon de relevancia o carácter rexional que está a tomar o evento.
As reservas pódense realizar a través da páxina web da Asociación SIL, coorganizadora do evento, no apartado "Inscricións". Os interesados, deberán cubrir os seus datos persoais e hora de chegada ao recinto, presentándose neste antes das 22 h do 8 de agosto. Se algunha praza non se cubrise, se asignarán por orde de chegada ao pavillón entre as persoas non inscritas. En calquera caso, a partir das dez da noite as reservas perden a súa validez e todas as prazas dispoñibles poderán ser cubertas por calquera usuario que asista ao recinto co seu ordenador.
A asistencia ao evento é gratuíta e os participantes contarán con duchas, zona de acampada para tendas tipo iglú sen picarañas (dentro da nave) e conexión a Internet durante as 56 horas ininterrompidas que durará o evento para navegar, consultar o correo electrónico e chatear, ademais dunha zona de videoconsolas, concursos gratuítos con premios para os mellor clasificados e talleres e charlas impartidas por profesionais.
A segunda modalidade de asistencia unicamente cobre a participación na zona de videoconsolas e os talleres e charlas que impartirán profesionais de diferentes sectores. Ao igual que a anterior, é completamente gratuíta.
Os menores de 18 anos que desexen acudir a galaecia.net deberán ter permiso do seu titor legal para asistir. Por outra banda, os menores de quince anos deberán ir acompañados dunha persoa de polo menos dezaseis anos. A pesar de que será un evento no que predominen os usuarios novos, está aberto a todas as idades e niveis de coñecemento de informática.
Os participantes que se vaian conectar en rede deberán achegar o seu propio ordenador, regreta (se é necesaria. A organización só proporcionará unha toma de corrente por usuario), unha tarxeta de rede ethernet con conector RJ-45 para poder conectarse e auriculares, xa que os altofalantes non se poderán utilizar para non molestar aos demais asistentes.